17 de xan. de 2017

La invención de Hugo Cabret

Hoxe tivemos reunión do Club de lectura en familia. Celebramos a incorporación de Sara (agora temos dúas) e agradecemos a presenza de Francisco que, estando convaleciente, non só acudiu ao encontro senón que nos explicou o funcionamento dun xoguete mecánico.
Na reunión, como xa vai sendo costume, primeiro "poñemos a mesa" co libro e algúns elementos con referencia nel. Despois, a modo de "sobremesa" demorada, comentamos o que máis nos gustou, ou nos sorprendeu, ou nos doeu. No caso de La invención de Hugo Cabret, todos coincidimos no pracer da lectura, en valorar as imaxes e a boa integración co texto. Recordamos a figura de Georges Méliès tamén en relación coa exposición de La Caixa o pasado decembro. Compartimos as imaxes e os fragmentos máis impactantes e mesmo houbo quen se queixou de que o libro lle resultou curto.
Neste encontro tratamos dous temas relacionados coa ampliación das actividades:  En primeiro lugar repartimos impresos de socios individuais para a biblioteca pública Miguel González Garcés, condición que amplia as opcións de lectura, tanto pola cantidade de fondos como pola posibilidade de acceder á lectura de libros electrónicos en  GaliciaLe e eBiblio. En segundo lugar ampliar tamén a participación neste blog, especialmente para as persoas que, por razóns laborais, non poden asistir a todos os encontros.
Tamén tiñamos previsto ver algún fragmento da película Hugo de Martin Scorsese, pero tivemos problemas técnicos.

Imaxe interactiva.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.