Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura en familia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura en familia. Amosar todas as publicacións

31 de maio de 2017

Encontro na libraría Berbiriana


A magnífica acollida de Cristina, que nos preparou uns zumes deliciosos e nos permitiu sentirnos como na nosa propia casa, converteron este encontro do Club de lectura en familia nun dos mellores de todo o curso e a libraría Berbiriana na nosa favorita.
As imaxes aparecen no punto 9 do Paseo literario; a  continuación compartimos as novidades que nos chamaron a atención.

Hecho con Padlet

30 de maio de 2017

A viaxe de Gagarin. Paseo literario



Despois de varios aprazamentos, e sen a participación completa, o 29 de maio fixemos o percorrido literario polos espazos da novela de Agustín Fernández Paz: A viaxe de Gagarin.
O seguinte mapa indica as paradas principais do percorrido, adaptadas ao espazo urbano máis do que á cronoloxía narrativa.
A parada na libraría Berbiriana  foi un dos mellores momentos do percorrido.

27 de abr. de 2017

A viaxe de Gagarin

 
A viaxe de Gagarin iníciase o 12 de abril de 2011, cando se cumpren os 50 anos da viaxe de Iuri Gagarin. O narrador e protagonista é, nese momento, un home duns 60 anos, que está coidando á nai moribunda;  decide contar a época que compartiu cos seus pais; máis concretamente a época que coincide coa estadía da familia na Coruña (1961-1969) A partir dunha redacción escolar sobre a viaxe do cosmonauta ruso, os compañeiros empezan a chamalo Gagarin. O rapaz, Miguel/ Gagarín  vive a súa adolescencia - con experiencia amorosa incluída- nos anos sesenta.  O descubrimento da dobre vida que levan os pais  non só explica unha época senón que os converte en verdadeiros heroes co tanto mérito como os seus heroes xuvenís.


Booktrailer
https://www.youtube.com/watch?v=Ol5FPnXukQ8

“'A viaxe de Gagarin' forma parte dun axuste de contas cos sesenta”

 Entrevista a Agustín Fernández Paz en PRAZA


A viaxe de Gagarin | RESEÑA



Blog da novela
http://agustinfernandezpaz.gal/gagarin/#wrapper

Radio Pirenaica
http://agustinfernandezpaz.gal/aqui-radio-espana-independiente-estacion-pirenaica/ 


Este vídeo hai que velo:
https://www.youtube.com/watch?v=D-UVFChNpfA

5 de abr. de 2017

Libros particulares


Imaxe
No encontro do Club de lectura en familia do 4 de abril tivemos unha sesión especial: compartir coas persoas participantes algún libro particular. Era unha proposta das nosas Saras  que por fin puidemos poñer en práctica. Serviunos para descubrir novos libros e transmitir experiencias lectoras e coñecernos mellor.
Para poder recordar mellor unha sesión tan variada decidimos rexistrar en audio as colaboracións.  Aquí quedan algúns exemplos das lectoras do grupo B, as máis dilixentes á hora de compartir os audios.


9 de mar. de 2017

O principiño. O noso decálogo

Formulario
Sempre procuramos introducir algunha novidade  en cada encontro do Club de lectura en familia. Neste caso foi unha consulta sobre as 10 ideas máis destacadas do libro O principiño. Previamente cada participante elaborou o seu propio listado. Coas colaboracións individuais elaborouse  un cuestionario na rede onde se escollían 5 frases favoritas.


Ao cuestionario responderon 10 persoas



Este foi o resultado que nos identifica como grupo: 


(Pasando o cursor sobre o gráfico pódense  ir lendo as frases completas)

8 de mar. de 2017

Un monstro vén a verme


Un monstro vén a verme  figura como escrito por Patrick Ness, pero xa se nos indica que se trata dunha idea da escritora de literatura xuvenil Siobhan Dowd, xa falecida:  "este ía ser o seu quinto libro. Tiña os personaxes, o argumento e un comezo. O que non tiña, mágoa, era tempo". 


O libro, que non dá respiro, conta a situación na que se encontra o rapaz protagonista, Conor. Un pesadelo que se repite desde que a súa nai enfermou de cancro, unha situación de acoso escolar, un pai ausente, unha avoa á que non aguanta e un monstro que o presiona para que asuma a realidade.
Curiosamente, aínda recoñecendo a dureza da situación, as lectoras novas recoñecen o carácter positivo do monstro, pola súa boa intención, polo método de contarlle historias a Conor coa finalidade de que acepte a realidade; recoñecendo mesmo que a lectura lles axudou a aceptar mellor algunha situación persoal difícil.

Información do filme Un monstruo viene a verme

Cando morren os fillos
- La hora violeta  (2013) de Sergio del Molino
- Paula (1994) de Isabel Allende
- Mortal y rosa  (1975) de Francisco Umbral

O principiño

Novamente houbo unanimidade na valoración positiva do libro proposto: O principiño, tanto para as persoas que xa o leran algunha vez como para aquelas que fixeron a primeira lectura.

1ª lectura O principiño
Como somos un grupo moi activo acompañamos as nosas valoracións con obxectos e apoio audiovisual recordando momentos claves da obra con citas e imaxes que nos fixeron revivir a emoción da lectura desta obra universal. Impresionounos, sobre todo, que, a través dunha lectura tan accesible, trate temas importantes como o amor, a amizade; ou a crítica de defectos humanos: a rutina,  as dependencias, a vaidade, o egoísmo, etc.

Un privilexio do Club de lectura en familia: un principiño auténtico.


O noso principiño coidando a súa rosa



Ah! e con Le Petit Prince, tamén repasamos francés con audio e subtítulos

Actualización 17 de marzo: A  homenaxe a Carlos Casares tradutor foi unha  razón máis para incluír a lectura d´O principiño. Sobre Casares e a obra véxase esta interesante iniciativa: O Principiño ao redor do mundo.  De non podermos visitar a exposición, vexamos o magnífico catálogo da mesma.

Actualización 11 de abril¿Cuál es el libro más traducido del mundo?

"El principito ha desbancado al resto de sus competidores con un potente acelerón, causado, con toda probabilidad por varios factores. Uno es su vuelta a la escena mundial gracias al 50 aniversario de su publicación a principios de los 90, lo que motivó numerosas nuevas ediciones y homenajes" Alfredo Álamo e Lecturalia

Un reto para o Club de lectura en familia


Despois da lectura de Ilustrísima, e seguindo coa homenaxe a Carlos Casares, debía figurar un libro de relatos de e unha  das traducións. O principiño é sempre unha opción segura, defendida ademais polas persoas adultas do grupo. Vento ferido unha das alternativas dentro dos libros de relatos de Casares. Por último Un monstro vén a verme era unha novidade que estaba a punto de chegar á Biblioteca e que se promocionaba só polo éxito da película que algúns dos novos xa viran.

Cando finalizou o encontro arredor de Ilustrísima e se propuxeron estes tres libros para escoller a seguinte lectura non houbo elección. A resposta maioritaria foi ler os tres. 
O entusiasmo da lectura d'O principiño, coa busca de imaxes a selección de frases, xa levou o seu tempo. Un monstro vén a verme, coa súa dureza obrigou a dosificar a lectura, así que non todos conseguimos completar as tres lecturas e  a  ducia de relatos de Vento ferido quedou nunha  pequena selección.

6 de mar. de 2017

Nova utilidade para a lectura

Imaxe
Agora que xa temos carnés individuais da Biblioteca Pública da Coruña, esta nova amplia moito máis as nosas posibilidades de lectura.
O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte revelou hoxe o Catálogo Colectivo das Bibliotecas Públicas españolas, unha nova ferramenta de consulta en liña entre os máis de 7 millóns de rexistros bibliográficos de 3.187 bibliotecas públicas. É unha ferramenta multilingüe dispoñible en sete idiomas: castelán, catalán, éuscaro, galego, valenciá, inglés e francés.
Esta poderosa ferramenta de busca (http://catalogos.mecd.es/CCBIP/ccbipopac )
permite consultar as 17 redes de bibliotecas públicas das comunidades autónomas integradas.

15 de feb. de 2017

Ilustrísima (2)



A xuntanza do 14 de febreiro foi un pouco longa pero tivo dous extras moi interesantes:
1.- Tivemos como invitado a Antón,  un alumno de 2º que, como voluntario na biblioteca escolar, quería informarse persoalmente de todas as actividades que se realizan.
2.- Micaela e Francisco ofrecéronnos unha doce sorpresa: unhas ricas pastas, edición especial de San Valentín.

A sesión foi longa porque cada participante tiña  encomendada unha tarefa específica sobre a obra e ademais tratábase de facer unha homenaxe ao escritor Carlos Casares (Letras Galegas 2017).
Sobre o autor aproveitamos os exemplares existentes na nosa biblioteca para clasificalos segundo fosen obras de creación, ensaios ou traducións, seguindo o esquema proposto neste blog. Das traducións destacamos O principiño, unha das obras propostas para o seguinte encontro. No ensaio era obrigada unha pequena referencia a "A maquillaxe dun bispo" en Un país de palabras (Galaxia 1999) onde Carlos Casares explica a idea inicial da novela e os motivos da transformación na versión que coñecemos.

11 de feb. de 2017

Ilustrísima e o cine

edición de 1994
Por segunda vez nas nosas lecturas temos unha obra que mostra os inicios do cine.
En Ilustrísima estamos nunha cidade galega entre 1910 e 1912; o cinematógrafo é a nova tecnoloxía, a súa exhibición é un espectáculo con moita aceptación entre as clases populares, pero que a igrexa considera un grave pecado.
A presenza do cinematógrafo na cidade é a chispa que fai estourar o conflito entre o bispo e a curia.  Evidentemente a culpa non é do cine senón dos que cargan sobre esta  arte todo o seu odio e intolerancia, como queda claro no primeiro capítulo da novela:

A medida que o conflito avanza o bispo protagonista verase na obriga de dar o seu parecer sobre esta nova arte, polo que visita o cine de incógnito: O que ve Ilustrísima deixa claro que as proxeccións poden ser máis ou menos emocionantes, pero totalmente inocentes.

Vídeo:
L'arrivée d'un train à La Ciotat (1895)- Frères Lumière




De regreso, o bispo, "mentres tomaba notas sobre o que acababa de ver, aínda coa emoción nos ollos e no peito" sente que lle volve o apetito, sinal de que as molestias físicas producidas pola tensión á que estivera sometido desapareceran.
Os efectos beneficiosos que experimenta o bispo contrastan con grandes males para o corpo e a alma que denuncia  "o informe" da curia no capítulo VII.


 Vídeo: Sortie des usines lumiere

Moi recomendable a lectura deste post sobre a familia Barbagelatta  e o cine.

ACTUALIZACIÓN 10/4/2017. Interesante artigo de Miguel Anxo Fernández en La Voz de Galicia: Carlos Casares, o escritor cinéfilo

18 de xan. de 2017

Libros e cine



Para manter a emoción, despois da lectura La invención de Hugo Cabret, parece obrigado ver a película Hugo de Martin Scorsese. Non a temos no centro pero podedes consultar noutras bibliotecas.

É un película ideal para ver en familia.

Seguro que vos contaxia o amor ao cine e vos anima a descubrir algúns dos tesouros nesta arte.
Podedes levar en préstamo:



Fonte da imaxe 
De Charles Chaplin: 

  • El gran dictador 
  • Tiempos modernos
  • Luces de la ciudad


  • El maquinista de la general  interpretada e dirixida por Buster Keaton.
  • Safety Last! (El hombre mosca) de Harold Lloyd  en Vimeo. Hai que saber algo de inglés, pero iso non é un problema, non?

17 de xan. de 2017

La invención de Hugo Cabret

Hoxe tivemos reunión do Club de lectura en familia. Celebramos a incorporación de Sara (agora temos dúas) e agradecemos a presenza de Francisco que, estando convaleciente, non só acudiu ao encontro senón que nos explicou o funcionamento dun xoguete mecánico.
Na reunión, como xa vai sendo costume, primeiro "poñemos a mesa" co libro e algúns elementos con referencia nel. Despois, a modo de "sobremesa" demorada, comentamos o que máis nos gustou, ou nos sorprendeu, ou nos doeu. No caso de La invención de Hugo Cabret, todos coincidimos no pracer da lectura, en valorar as imaxes e a boa integración co texto. Recordamos a figura de Georges Méliès tamén en relación coa exposición de La Caixa o pasado decembro. Compartimos as imaxes e os fragmentos máis impactantes e mesmo houbo quen se queixou de que o libro lle resultou curto.
Neste encontro tratamos dous temas relacionados coa ampliación das actividades:  En primeiro lugar repartimos impresos de socios individuais para a biblioteca pública Miguel González Garcés, condición que amplia as opcións de lectura, tanto pola cantidade de fondos como pola posibilidade de acceder á lectura de libros electrónicos en  GaliciaLe e eBiblio. En segundo lugar ampliar tamén a participación neste blog, especialmente para as persoas que, por razóns laborais, non poden asistir a todos os encontros.
Tamén tiñamos previsto ver algún fragmento da película Hugo de Martin Scorsese, pero tivemos problemas técnicos.

Imaxe interactiva.


15 de dec. de 2016

A miña planta de laranxa lima





Neste segundo encontro do Club de lectura en familia seguimos mantendo o sistema de valoración xeral da obra e lectura dun fragmento. A lectura proposta era  A miña planta de laranxa lima de José Mauro de Vasconcelos. ed. Primeirapersona, A Coruña, 2003.



Tamén incluímos algúns complementos:
No centro da mesa unhas limas, en homenaxe  a Minguiño, a planta confidente de Zezé, que o entende mellor ca ningén.


Ao xeito dun xogo de cartas, formamos parellas con personaxes e nomes.




En referencia  a unha das situacións máis emotivas situadas no Nadal.  Na caixa, o mesmo que nas zapatillas do protagonista, non había nada. 


As situacións que fan saltar as bágoas son tan numerosas que complementamos o encontro cun  exercicio de identificación asociándoos con imaxes, texto,... Mesmo utilizamos un "medidor de lágrimas" para ir marcando o nivel persoal de emoción.
En fin, unha obra chea de momentos dramáticos, pero tamén con moitos de humor, como nos recordou Fran.

******
Finalizamos o encontro coa proposta do seguinte libro: La invención de Hugo Cabret


... e a suxestión de Sara de que se compren outros libros de José Mauro de Vasconcelos para a Biblioteca, polo menos, Vamos a calentar el sol.




23 de nov. de 2016

Bisa Bea, Bisa Bel

Bisa Bea, Bisa Bel,  da escritora brasileira Ana María Machado e publicado en galego pola editorial Galaxia, con tradución de Ramón Nicolás, foi o libro elixido para inaugurar os encontros do Club de lectura en familia o día 22 de novembro.
A elección  da obra non foi casual.  Isabel, a rapaza protagonista, está nunha idade de transformación,  

con incertezas, contradicións e esforzos por crear a súa propia personalidade.
As "conversas" da rapaza coa súa bisavoa fan que sexa unha lectura interesante para xente nova e para adultos; a responsabilidade que cada persoa debe asumir dentro da familia tamén é un tema de reflexión para calquera idade.
Para este primeiro encontro propúxose un guión mínimo que consistía en que cada participante fixese unha valoración xeral do libro e escollese un fragmento breve para ler en voz alta. A partir da lectura individual as intervencións serían espontáneas.

O resultado foi moi satisfactorio:
Todas as persoas participantes coincidiron en valorar moi positivamente a obra.
Facilitou o coñecemento entre o grupo, por exemplo, na elección individual, houbo  máis coincidencias entre os adultos que entre o alumnado que seleccionou fragmentos moi diferentes. Esta variedade permitiunos analizar os distintos aspectos do libro.
Especialmente interesantes foron as intervencións de Francisco sobre a linguaxe dos compañeiros de clase da protagonista, ou de Kenyara sobre a forma de comunicación de Isabel con Bisa Bea.
Conmoveu a todo o grupo a emoción de María pola relación entre  a lectura e a súa experiencia persoal.
Impresionante a preparación de Sara con anotacións, resumos, marcadores, etc., como se poden ver nas dúas imaxes finais. Toda unha profesional!

12 de nov. de 2016

Club de lectura en familia




Para a reanimación do blog necesitamos colaboración e afecto, por iso empezamos as actividades co Club de lectura en familia. O alumnado de 1º de ESO e as súas familias serán os mellores coidadores. Aquí temos as primeiras propostas: